30/5/09

O teatro dános COMPETENCIA

-O teatro dános COMPETENCIA-



ARTIGO DA REVISTA
O TEATRO DÁNOS COMPETENCIA
Un grupo de mestres contan como, no marco das competencias, fixeron chegar aos seus
alumnos de 1º e 2º ciclo de EP a poesía dalgúns autores galegos. Como utilizando o teatro e a
representación con marionetas abriron aos nenos as portas da nosa poesía dun xeito lúdico e
motivador.
........................................................................
Catro mestres, amigos e compañeiros, que xa levabamos un tempo traballando xuntos nun
Seminario de formación permanente, elaborando recursos para a web do CEIP Ramón Otero Pedrayo, atopámonos ao comezo dun novo curso buscando un tema para continuar co noso proxecto de formación e achegar aos nosos alumnos algo novo e interesante que espertara a súa curiosidade e lles posibilitara medrar un pouco máis como persoas.
Xa o tiñamos!
Iamos orientar o traballo do Seminario cara ao teatro, o teatro como recurso didáctico.
Atentos ás novas tendencias educativas, miramos de utilizar o teatro como un recurso dentro das
competencias básicas en educación, prestando especial atención á Competencia de APRENDER A
APRENDER, á Competencia CULTURAL E ARTÍSTICA e á Competencia en COMUNICACIÓN
LINGÜÍSTICA.
Considerando que o teatro e as representacións con marionetas son actividades lúdicas e moi
motivadoras, sería un recurso educativo axeitado para desenvolver esas competencias e acercar aos nenos e nenas a poesía rosaliana e a doutros autores galegos.
Propuxémonos utilizar o teatro para que os nosos alumnos colleran gusto pola lectura da poesía,
para que coñecesen a algúns escritores galegos, aprenderan algo da súa poesía e incluso se atreveran sen medo a facer as súas propias creacións.
Iamos utilizar o teatro para, tal e como se recolle na Competencia en Comunicación Lingüística,
potenciar a habilidade para comprender, interpretar e expresar pensamentos, sentimentos e feitos de forma oral ou escrita e capacitalos para poder actuar dun xeito máis adecuado noutras situacións e contextos sociais e persoais.
Buscamos espertar neles as capacidades de observación, de imitación, de memoria, de creación
... Estabámoslles mostrando novos termos, xiros, frases, expresións, incrementando o seu vocabulario, ofrecéndolles estruturas léxicas que poder incorporar ao seu proceso de formación e logo poder usalas en contextos novos. Como se recolle no principio que inspira as competencias, ser competente implica a capacidade de utilizar os coñecementos e habilidades aprendidas en contextos e situacións diferentes, favorecendo a autonomía necesaria para a aprendizaxe e para o desenvolvemento persoal e social.
Pensamos nos nosos clásicos, tamén nos contemporáneos, poemas de Rosalía de Castro,
Pondal, Curros ... Dábase a circunstancia de que ese ano se estaba a celebrar o centenario da
creación do HIMNO GALEGO, polo que o incorporamos ao noso traballo e miramos de afondar un pouco no estudo da súa letra e a súa música.
Así buscariamos que os nenos, como se recolle na Competencia cultural e artística, medrasen no
aprecio, na comprensión e na valoración de diferentes manifestacións culturais e artísticas, utilizándoas como fonte de goce e enriquecemento persoal e ao mesmo tempo as recoñecesen e valorasen como parte do patrimonio cultural do noso pobo.

Con todas estas premisas xurdiu a nosa idea, a nosa obra:

“O Moucho remexe nos libros”

Comezamos por facer unha selección de autores representativos e de interese (Curros, Pondal,
Manolo Rivas, Fina Casalderey ... e especialmente Rosalía) dos que escollemos algúns textos que se adaptaran ao guión da nosa obra. Así pouco a pouco fomos elixindo poesías de Rosalía que
encaixaran no contido da historia, recorrendo sobre todo aos seus libros Follas Novas e Cantares
Gallegos. Intentamos escoller poesías que os rapaces puidesen recoñecer porque as escoitaran
algunha vez antes e que lles fosen fáciles de memorizar.
Tomamos prestadas algunhas poesías orixinais, pero outras foron modificadas, aumentándolles
palabras para que puidesen adaptarse a un esquema rítmico, quitándolles estrofas, escollendo as que máis se adaptaban á nosa obra. Deste xeito inventamos un “feitizo” mesturando versos de distintas poesías de Rosalía, elaborando así un novo poema, que serviría de comezo á representación.

Remexe, remexe,
como miudiño chove,
mistura a mistura,
pola mañán cariña de rosa
pola tarde cariña de can,
grilos e ralos, rans albariñas,
sapos e bichos de todas cras,
non che teño medo moucho,
moucho, non che teño medo,
que desta mistura
saia unha boa aventura
A algunhas destas poesías puxémoslles música: “Miña casiña meu lar” con ritmo de rap, “Has
de cantar” con ritmo de cha-cha-cha, “San Antonio bendito” cunha melodía orixinal da que no seu momento traballamos o musicograma. Integramos na obra o Himno galego, coa súa letra e música. Todo para facelas máis motivadoras e atractivas, para enganchar aos nenos e convidalos a participar. Intentamos mostrarlles aos nenos e nenas cos que traballamos como son as poesías orixinais e como foron modificadas, ensinándolles así como poder crear novos poemas ou como xogar coa literatura.
Era esta unha obra de títeres, feita e representada por nós. Sobre dous escenarios diferentes,
unha biblioteca e a casa de Rosalía, en tres actos, utilizando marionetas de personaxes reais (Rosalía, os nenos), de personaxes imaxinarios (a meiga Celtia, o druída Merlín) e personaxes de contos populares moi coñecidos dos nenos e nenas (Carapuchiña, os tres porquiños, o frautista de Hamelin).

Da man destes coñecidos personaxes levamos aos nenos, nunha viaxe imaxinaria, dende unha
biblioteca chea de libros ata o curral da casa de Rosalía, unha Rosalía nena que coida dos seus
animais, para logo voltar, noutra viaxe imaxinaria, ata a biblioteca e rematar remexendo nos libros.
Ao longo da obra os diferentes personaxes recitan poemas: o druída Merlín, “Teño tres pitas
brancas”; os Tres Porquiños, “Airiños, airiños, aires”; a meiga Celtia, “Nacín cando as prantas nacen”; o frautista de Hamelin, o Himno Galego ... Buscamos, dun xeito moi plástico e lúdico, chamar a súa atención sobre os nosos autores, sobre a súa obra, espertar neles as ansias de saber máis e, en definitiva, facilitarlles o achegamento á nosa cultura.
Foi un bo xeito de motivalos e mostrarlles o camiño para poder atoparse coa obra dos nosos
escritores, desenvolver a súa capacidade de busca nas bibliotecas daqueles poemas que nós lles
iamos amosando cos nosos personaxes, afondar no estudo da poesía de autores pouco coñecidos
para nenos tan pequenos, pero que son nomes cos que conviven a diario, nos nomes das súas rúas, das prazas, das librarías... E que logo adquiren un significado diferente para eles.
Despois da representación viría o traballo de aula, as visitas ás bibliotecas, a busca dos poemas,
a lectura, a memorización, o recitado, a iniciación dos nenos na produción poética, a realización de
traballos plásticos, coloreado e recortado dos personaxes, construción e manexo de monicreques ...
Non esquecemos a educación musical, coa interpretación dalgún dos poemas que saían na
representación utilizando ritmos musicais e melodías, mostrando distintos instrumentos, tanto antigos como modernos e elaborando con materiais reciclables sinxelos instrumentos, que eles empregaban no acompañamento dos poemas.
Guiámolos na exploración e valoración do teatro, das súas técnicas, na valoración da voz e do
propio corpo como instrumento de expresión e comunicación, no comentario e valoración das
manifestacións artísticas, tanto propias como alleas. Prestamos unha atención especial ao estudo e interpretación do himno galego. Buscamos espertar o seu interese polo teatro e a poesía galega, e que gozaran coa producción das marionetas e coa interpretación de poemas e melodías.
Así, facéndolles pasar un rato agradable, conseguimos os nosos obxectivos de amosar a poesía
dun xeito motivador e desenfadado, espertar neles o gusto e o respecto pola obra doutros autores, mostrarlles o camiño para poder atopar iso e máis, ofrecerlles instrumentos para a súa propia expresión..., APRENDER A APRENDER nun contexto cultural e artístico.
A modo de valoración final podemos dicir que os nenos e nenas acolleron este traballo con
moita ilusión e ledicia. Gustáronlles moito as poesías traballadas e sentíronse capaces de crear por si mesmos as súas propias obras.
Todas as actividades propostas resultaron moi atractivas pola ilusión e o entusiasmo que
puxeron os rapaces coa súa participación en todas elas, resaltando entre todas a interpretación da obra cos títeres.
Para os profesores que elaboramos e puxemos en práctica esta experiencia didáctica foi
gratificante a resposta dos nenos e nenas e o feito de que das nosas reunións saíran moitas, novas e creativas ideas para traballar dentro e fóra da aula. De feito, a nosa intención é seguir traballando coa obra e poder representala diante de novos alumnos.
Cremos que con este traballo puxemos nas mans dos nenos a posibilidade de ser un pouco
máis COMPETENTES. Fixemos a primeira representación desta obra no CEIP Ramón Otero Pedrayo de A Laracha, na celebración do día das Letras Galegas do ano 2007, diante de nenos de EI e 1º ciclo de EP. Durante o curso 2007/2008 comezamos as representacións na escola unitaria de A Revoltiña para toda a comunidade educativa, continuamos no CEIP Milladoiro de Malpica, no CEIP María Pita de A Coruña (dúas representacións) e no CEIP San Marcos de Abegondo. Proximamente esperamos representala en algúns centros máis. Como non nos move ningún afán lucrativo, nestes centros fomos convidados a merendar e recibimos tamén algún que outro agasallo. E sempre recibimos o premio dun grande aplauso dos pequeniños e un sorriso alegre e inocente. Esta obra foi galardoada co segundo premio da III edición de Rosalía de Castro para experiencias pedagóxicas, no ano 2007. O día 15 de xullo, día de Rosalía, na entrega de premios representamos a obra na Matanza, diante do xurado e do numeroso público asistente.












No hay comentarios: